Popis: |
As iniciativas colectivas de consumo ecolóxico teñen unha presencia relativamente arraigada e, ata certo punto, consolidada en Galicia. Estas poden constituír unha avanzada sociocultural alternativa e actuar como axentes socioeducativos para promover entre a cidadanía a adopción de dietas sustentables que acompasen a configuración de sistemas agroalimentarios acordes que as abastezan, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento e difusión da cultura da sustentabilidade a través do consumo como ámbito de acción colectiva. Mediante un deseño de estudo de casos múltiple, neste traballo preséntanse os resultados dunha análise descritiva dun conxunto de 37 iniciativas colectivas de consumo ecolóxico presentes actualmente en Galicia, ofrecendo unha clasificación por tipos e modelos, a súa distribución territorial e a evolución e cambio de modelo nalgúns casos salientables, así como algunhas das súas características principais, como a súa antigüidade, figura xurídica, motivacións de orixe, composición, grao de implicación das persoas que as compoñen e aspectos referidos á loxística de distribución e os espazos empregados para tal efecto ou á gobernanza. Por último, achéganse unhas liñas xerais da dimensión socioeducativa das iniciativas estudadas, destacando as principais actividades desenvolvidas, os temas máis recorrentes, os obxectivos prioritarios e as dificultades que as iniciativas enfrontan á hora de desenvolver esta dimensión da súa acción colectiva. En resumo, preténdese achegar unha panorámica actual do estado xeral do consumo ecolóxico colectivo en Galicia, así como un esbozo do potencial socioeducativo deste tipo de iniciativas á hora de difundir e facer extensivo ao conxunto da cidadanía os valores e prácticas asociados á Agroecoloxía. |